Hoxe a día 27 de febreiro de 2009 seguimos sen resposta algunha do ministerio de defensa, sobre o trazado do novo perímetro de seguridade para a Base Militar General Morillo. O subdelegado de Defensa en Pontevedra Delfín Fernández dixo que nun prazo de 15-30 días estaría listo, pois ben, vemos que non é así, polo que as palabras do responsable de Defensa en Pontevedra, tiñan pouco valor. Xa ao saír da reunión que Delfín Fernández mantivo cos afectados, non estabamos moi esperanzados, de que fosen arranxar algo, e os feitos confírmanolo, non van ha facer nada. Os peritos estiveron medindo, si, pero nada máis Agora cada vez estamos mais convencidos que o Ministerio de Defensa non ten interese ningún en que as relacións cos veciños melloren, xa que pasaron, case tres meses desde aquel 5 de decembro do 2008, no que un alto cargo de Infraestruturas de Defensa, reunísese cos afectados e comprometésese a presentar un borrador dun novo perímetro nun prazo dun mes, cousa que non se fixo. Por outra parten seguen as manobras nocturnas en estradas sen iluminación, con curvas perigosas e con escaso arcen, onde os soldados, cos seus traxes de camuflaxe, son ás veces invisibles para os condutores ata que se atopan encima deles. Estes grupos de soldados van sen ningún tipo de sinalización visual, para advertir aos condutores da súa presenza, calquera día haberá unha desgraza e despois si que quererán tomar medidas. As obras tampouco cesaron, cada vez a infraestrutura da Base Militar é máis grande (eles din que non están ampliando), e están obrando a un metro escaso de propiedades privadas, as cales perden totalmente o seu valor, e tamén obrando encima de pistas forestais e camiños públicos, quedando estes inaccesibles para os veciños da zona. |